Monday 29 de April de 2024

O concelleiro de Barrios e Obras informa dos traballos de roza de viarios e parcelas municipais situados na contorna urbana


O Concello de Santiago xa rozou practicamente a totalidade dos 79.200 metros lineais de viarios da zona urbana, segundo explicou hoxe, en rolda de prensa, o concelleiro de Barrios e Obras, Javier Fernández. De xeito paralelo, indicou, estase levando a cabo a limpeza das parcelas municipais.

En Santiago de Compostela existen 123 parcelas de titularidade municipal, que ocupan 496.298 metros cadrados, a maioría situadas na periferia da zona urbana. Conta tamén con eses 79.200 metros lineais de viarios, tendo en conta as dúas marxes, que precisan de roza. Están situados nos barrios de Meixonfrío (12.500 m.), Amio (16.900 m.), Vite/Guadalupe (4.900 m.), San Lázaro (3.900 m.), Viso (3.400 m.), Sar/Angrois (8.100 m.), Castiñeiriño (9.700 m.), Conxo (13.100 m.) e Vidán (6.700 m.) Javier Fernández explicou que a climatoloxía non está acompañando e puxo como exemplo a roza en Vidán, realizada hai uns 20 días, pero coas choivas, xa necesita un repaso, porque “a maleza sae con máis forza. “A intención é rematar esa primeira volta neste mes, e nos seguintes meses continuaremos facendo as pasadas que sexa necesario”, indicou.

De xeito paralelo a esa roza de viarios estase actuando sobre as parcelas municipais, nas que xa hai 20.000 metros cadrados limpados. Todo este traballo, sinalou Javier Fernández, “estase levando a cabo con medios propios, coa brigada municipal, e tamén coa empresa de mantemento que temos contratada”, das que destacou “o gran labor” que están facendo. A intención, continuou, “é axilizar esta limpeza de fincas urbanos”, a través da licitacion dun contrato “no que estamos traballando”, destinado a centros especiais de emprego.